03 julio 2015

Calor.

Quixera ter tempo pra explicar moitas cousas. Pra facer ver que hai cousas que non teñen importancia. E outras que si. Pra pedirche que confíes en quen che tende unha man. Ou que confíes, sen máis. En ti mesmo, sobre todo, anque equivocarás. Unha e outra vez. Pra advertirche que os desenganos doen, pero son parte da vida. Que hai xente que está de paso, e hai xente que ten que quedar. Que ás veces un sorriso ou un xesto fan moito máis que mil conversas na túa cabeza. Que vivir é superar un obstáculo tras outro tentando sorrir de cando en vez polo camiño. Que as cousas pequenas son as que fan a diferencia, e que hai outras que teñen que pasar, e terás que facer por soportalas. Que se cadra o mundo non se fixo á túa medida, e que con ese puto orgullo non chegarás a ningún lado. Que xa está ben de tanta gilipollez, que o teu é solucionar problemas, pero non precisamente os propios, e que ás veces non che quedará outra que buscar axuda. E querer. Querer porque, filliño, co desastre que es, as pintas que me levas e os anos que tes, se alguén ten o denodo de achegarse a ti, esa persoa, ademáis de unha aperta, merece ser querida.
Quixera poder contarche todo iso, pero debería aprendelo eu primeiro.

E ademáis fai moita calor.

22 junio 2015

Titiritero.

Ao titiritero dos pequenos fantoches non lle apetecía contar ningunha historia hoxe, anque a pequena nena das pequenas zapatillas gastadas agardaba expectante na primeira fila.
O malo das historias -pensaba- é que non teñen vida per se, hai que darlles vida, ao igual ca os monicreques. Tamén é o bonito, claro, porque a mesma historia pode ser triste e leda en función do narrador. Pero quen vai contar unha historia cando ata as marionetas están introspectivas?
Aqueles que poden facerche feliz son as mesmas persoas que poden facerche chorar. Se cadra era unha frase boa, pero non moi axeitada pra o neno dos pequenos brackets (que levaba un bo disgusto porque a merenda de hoxe tiña marmelo e non Nocilla) que facía compaña na primeira fila á nena. Se cadra non, claro. Pero non está escrito que un neno non mereza saber esas cousas.

Así, o vello titiritero abriu o telón unha vez máis e contou unha historia de verdade, das que doen, das que rasgan, e das que abren ollos. Falou de ilusións, de oportunidades, de soños e de aventuras. De alegrías, e de tristezas. De que pra coñecer o mellor hai que asomarse ao peor. De momentos. Momentos. Con maiúscula, esos que se repiten cada noite cos ollos pechados. Falou de cicatrices e de sorrisos. Falou da súa vida e, ao rematar, un pequeno batallón de pais indignados asaltou ao pequeno contador de historias recriminándolle non ter contado a historia da Cincenta.

Que mágoa -pensou mentres recollía o teatrillo-, que a xente acepte antes á hipocresía que á vida.

18 junio 2015

Correr.

Corres.
Esos momentos nos que non sabes moi ben pra onde vas, ou cal é o camiño, pero ti corres.
Chegas a cada encrucillada apurado, agardando atopar ao demo e que che ofreza un pacto interesante, un obxetivo, un fin; e como non está, corres ata o seguinte cruce de camiños.
Corres, e sen saber dende cando, nin por que. Corres porque toca correr, porque camiñar non funcionou, e se queres avanzar, hai que facelo ao grande.
Cando paras a coller aire, alcánzante as voces da túa cabeza, preguntando se este é o camiño correcto ou se queda moito pra chegar, e corres.

Corres.

E só esperas que alguén che siga o ritmo.

11 junio 2015

Manías.

Hoxe teño o día exhibicionista, e decidín que probablemente era menos grotesco (e máis humillante) falar de min que saír a correr sen nada máis ca unhas zapatillas, ou ser o señor raro da gabardina en pleno mes de xuño.

Son incapaz de deixar o volume da tele ou da radio do coche nun número que non remate en 0 ou 5.
Necesito comprobar compulsivamente se o leite permanece en bo estado en cada proceso entre que o saco da neveira e o consumo.
Tento reutilizar as alarmas que xa teño no móbil, anque implique erguerse media hora antes do necesario. E, por suposto, ningunha está nunha hora convencional.
Como as galletas en número par e, se o paquete remata en número impar, teño que abrir un novo pra comer unha soa máis (e probablemente provocar que ese paquete tamén sexa impar).
Quero demasiado. E ás veces a quen non debo.
Debo limpar o móbil de notificacións cada mañá. E pobre de min se non resposto a unha mensaxe.
Pra poder saír de casa teño que ter as chaves na man. Sempre e sen excepción.
Saber é importante. Máis que durmir.
Non me arrepinto de querer.
As cousas non poden pasar a noite fóra da neveira, ou non sei eu que pasará.

(E ademáis, esta é a entrada 300 neste lugar de cordura.)

10 junio 2015

Compostela.

Esta cidade de pedra ten algo que che atrapa. Queda cun anaco de ti como tributo ao tempo que che regala entre as súas rúas. E se tentas fuxir dela, te mata. Estás morto e non o sabes. Vives unha vida baleira, unha vida normal, mentres xuras e perxuras que estás ben, que Santiago mola pra saír de festa e que volverás cando che apeteza.
Pero non é certo. Voltarás se ela quere. E mentres, pasará factura. Cando creas ser feliz, aparecerá da nada, como unha frecha, e te atravesará de lado a lado. Unha lembranza, unha sensación, un instante. Pra recordarche que ti xa non es dono de ti. Que pertences á cidade. Que desfrutar dela ten un prezo, e que a pedra está demasiado viva.
Porque Compostela ten os teus soños, as esperanzas e as alegrías de outros tempos. Porque sempre se reinventa, e sempre te sorprende. Porque se sabes querela, saberá recompensarche.

Non era un adeus. Sabíao ben. E voltei.