10 junio 2015

Compostela.

Esta cidade de pedra ten algo que che atrapa. Queda cun anaco de ti como tributo ao tempo que che regala entre as súas rúas. E se tentas fuxir dela, te mata. Estás morto e non o sabes. Vives unha vida baleira, unha vida normal, mentres xuras e perxuras que estás ben, que Santiago mola pra saír de festa e que volverás cando che apeteza.
Pero non é certo. Voltarás se ela quere. E mentres, pasará factura. Cando creas ser feliz, aparecerá da nada, como unha frecha, e te atravesará de lado a lado. Unha lembranza, unha sensación, un instante. Pra recordarche que ti xa non es dono de ti. Que pertences á cidade. Que desfrutar dela ten un prezo, e que a pedra está demasiado viva.
Porque Compostela ten os teus soños, as esperanzas e as alegrías de outros tempos. Porque sempre se reinventa, e sempre te sorprende. Porque se sabes querela, saberá recompensarche.

Non era un adeus. Sabíao ben. E voltei.

No hay comentarios: