30 marzo 2011

Eiquí

E noites e noites, e bicos e bicos, risas, penas, festas, bailes, praias, viaxes, mundos, cafés, palabras, cancións, persoas, o devenir do tempo. Xente que ven e que vai, amigos novos, vellos, coñecidos e descoñecidos, lugares que percorrer, bares que visitar, movemento. Futuro.
Coma en stop-motion. Ás veces rápido, ás veces lento.
E sempre a mesma banda sonora.
Se sigues eiquí, eiquí seguirei eu.

29 marzo 2011

A xente fala soa

Anotacións pra unha vida posterior: lembra que a xente fala soa. A xente en xeral. Non hai por que avegoñarse por iso. Falar non é nin debería ser un acto exclusivamente social. Se non vital. A xente que fala soa non está tola nen bébeda. Simplemente está a ordear as súas ideas. Ou, no peor dos casos, utilizando un mans libres.

16 marzo 2011

A parede

Esta mañá atopeime cunha parede. Fría e indiferente. Chamou á miña porta, subiu as escaleiras i eiquí estivo, na miña sala. Non sentou. Eu tampouco. Estivemos de pe os dous, fronte a fronte, falando sen nos dicir ren.
Logo, dixo que tiña prisa e marchou, como marchan as paredes. Sen que xamáis logre entender por que se van.