31 enero 2010

Muda

Segundo as circunstancias, me pregunto por que a xente cambia. Por que decide mudar de pel. Failles felices? Faite feliz? Cres que así será mellor? Pra quén? Pra ti? Ver como se alonxan aqueles polos que o teríamos dado todo, sen unha explicación e sen dar as gracias polos servicios prestados, e polo mero feito de non ser o mesmo, é francamente duro, doloroso.
Só podo respetar, pero como fode ter que facelo.

30 enero 2010

Vistas

Hoxe vin a un avó e a súa neta. Mentres falaban, prestábanse moita atención. Despedíronse coma extranos.
Hoxe vin a unha avoa, as súas amigas, e a súa filla. Dixéronlle que cando quere, non está tan xorda. Ela fixo coma se non oíra.
Hoxe vin a un político e ao seu séquito. A xente o saudaba dándolle a man. Marchabase pensando que ogallá se presentara neste estado.
Hoxe vin a unha señora e a sua cadela. Ela mostrabase indignada. A cadela frotábase lascivamente contra o chan.
Hoxe vin a un rapaz arrastrando os pés. O ollar perdido. O sorriso forzado. O corazón marrón. Dá a casualidade de que era eu.

29 enero 2010

Difícil

Que difícil é todo a veces. Demasiado difícil. E a min pillame sen paracaídas que amortigüe o aterraxe. Onde terei a cabeza.

28 enero 2010

Corsé

Hoxe erguinme co corpo dickensiano. Como de novela decimonónica. E non sei, teño a sensación de vagar por rúas máis grises i escuras do habitual. Que ao meu redor a xente é máis desgraciada. Que estou só, loitando inútilmente contra os elementos. E que tras este velo de insolente indiferencia que me cubre últimamente, existe unha paixón, un tormento e unha frustración.
É odioso este corsé.

27 enero 2010

Pode

Pode que o teito do meu cuarto aínda me sorprenda despois de compartir tantas noites en vela. Que o xornal do día anterior que leo co almorzo, teña algo novo que contarme. Que o camiño a clase sexa diferente. Que hoxe non teña que quedarme ata as mil.
Pode, pero me extrañaría moitísimo.

26 enero 2010

Inxustificable

Non é o mesmo facer preguntas que esixir respostas.
Apoiémonos no inxustificable anque só sexa pra durmir coa conciencia tranquila.

25 enero 2010

Poker

Unha das cousas que me contaran sobre o poker, é que é como a vida, e que se algunha vez xogaba, cecáis o entendería.
Fai unha seman, non sabía xogar, pero agora, e tras xogar máis ben pouco, coido que comprendo algo.
Non se trata de gañar sempre, se non de agardar a man boa, mentres perdes pouco a pouco. Chega un momento no que a sorte mírate á cara e te sinala. Nese momento é cando tes que pór toda a carne no asador, apostalo todo. Porque ainda que perderas durante moitas mans, só con que gañes esa, todo pagará a pena.

Supoño que a vida é algo parecido, perdemos man tras man, pequenas cantidades, agardando pacientemente que a sorte nos mire á cara.
E entón, faino. E todos eses anos de espera, pagaron a pena.

Gañas a man, gañas a vida.

Só hai que agardar.

24 enero 2010

Alto

Hoxe, voltou. Supoño que sempre estivo ahí. Pero facía tempo que non era tan consciente dela. Non ten nada que ver coa de Sartre, por suposto. A miña é máis corrente, menos existencialista. Pero á hora da verdade, a miña náusea fastidiame igual, ou máis. Tensión baixa, ánimo baixo, ton baixo, moral baixa.
E as ganas de devolver por todo o alto.



P.S: Esta entrada fai a número 150, non son eu moi de cifras e estas cousas, pero supoño que non está mal. Espero seguir aquí na 300. E espero que sigas tí.

23 enero 2010

Home

Poderíamos reducir ao home á minima expresión. Que tan só se limitara a latexar.
Facer un home xeométrico. Xeográfico. Insensible pero seguro. O home construído con dous trazos. E un bombeo de sangue. Que nin sequera a presión atmosférica poidera con él.
Poderíamos construir un home. Un monstruo.

22 enero 2010

Neve

A pequena nena marmota, Non foi quen de comprender por que cando nevou por primeira vez en vinte anos en Pobo Pataca, a xente comezou a falar soa en voz alta e airadamente. O chofer do autobús de línea baixou deixando colgados aos pasaxeiros. O cura deixou o sermón a medio terminar para estupefacción das suas beatas seguidoras. O banqueiro pechou a ventanilla colléndolle os dedos á señora que tódolos dias sacaba e metía toda a sua pequena fortuna. Era a avoa da pequena nena marmota.
Os de Pobo Pataca non se lanzaban bolas de neve. Pegábanse coas pala pra recollela.

21 enero 2010

Arte

A comunicación foise cimentando sobre mensaxes baleiros, coma as cidades fóronse construíndo en base a aparcadoiros soterrados de dubidosa legalidade. Cada vez falamos máis, dicimos menos, e quizais os máis listos, ou os máis maquiavélicos, saiban tecer a estratexia idónea, no momento preciso para o plan maxistral. Convencer aos demáis da nosa intelixencia (inexistente), do noso talento (en horas baixas), é todo un arte.
Como cortar xamon de York fino. Ou saltarse a cola do autobús.

20 enero 2010

Arder

Hai lugares que queiman. Sentimentos que arden. Ás veces botámolos ao lume do esquencemento e cremos que desaparecen. Nembargantes quédanse ahí, coma nubes de fume que atrapan e afogan. E enton somos nos os que quixéramos arder. E ser esquencemento.

19 enero 2010

Aluguer

Miñas olleiras non pagan o aluguer da miña cara. Nin o fame do meu estómago. As gilipolleces ocuparon polas boas miña lingua, e o cansancio, todo meu corpo.
Non lin a letra pequena do contraro de arrendamento da miña persoa. Será iso.

18 enero 2010

Espertar

Un día, ao espertar, decateime de que me convertera en alguén moitísimo peor. Comecei a perseguir aos demais, sinalándoos co dedo, acusándoos de delitos que non cometeran. Ou si. Nunca o souben. Era unha formiga nun formigueiro confuso que ía devorándome. Aquela histeria acabou con parte de min. Deixei de comunicarme. Só botaba cousas en cara. E, nembargantes, todo o ben que fixen, todolos bos momentos que pasei, quedaron perdidos no escuro esquencemento.
Un día, ao espertar, decateime de que debía nacer outra vez. E nacer kiwi, se non é moito pedir.

17 enero 2010

Pés

Fai xa un tempo que me pregunto que facer co manicomio. Se pechalo definitivamente ou cambialo dos pés á cabeza -ou da cabeza aos pés, non se sabe- por aquilo de recuperar a ilusión de seguir escribindo nel.

Se me coñeces ben, sabes que farei o segundo.

Por cabezota.

16 enero 2010

Autónomo

A necesidade de sentirme necesitado faime pensar que aquilo que xira ao meu redor é autónomo e autocrático. Sinto o impulso de reaccionar. Fréame o medo a tomarme a xustiza da miña man. Curioso.
Descorazoador.

15 enero 2010

Fofa

Ás veces gustaríame que todo fose tan sinxelo coma comer un yoghourt a medianoite i en silencio. A cidade ronca, porque dende que engordou, cústalle respirar. E pasan os días e as cousas e os defectos voltanse características, un tanto irreais a maioría das veces, pero sempre doadas de vender como desculpa. Así é a cidade fofa.

"Eiquí xa nin sei, nin me atopo", reza o último mensaxe no contestador do Alcalde.

"Vaia, outro histérico", suspira él con noxo.

14 enero 2010

Cada día

Pensas neses coñecidos dos teus avos que avellentaron alá polos cincuenta (os anos cincuenta, enténdase) e que levan repetindo as mesmas operacións, día tras día, ano tras ano. Pensas nos teus pais e os sobresaltos. Pensas en ti. No que te rodea. No que es e no que serás se sigues así. Hai días nos que te gusta e outros, nos que sencillamente se te fai insoportable. Pero forma parte desa foto que te sacas cada día, na que sempre pareces un pouco distinto.

13 enero 2010

Supermercado

Levaba mal todo o que non decidía e lle era imposto por decreto. Mal, o ter que dar explicacións e respostar a preguntas. Levaba mal as crises, as inxustizas e os fraudes. As guerras, os mortos e os golpes. Levaba mal o non saber dicir que non e enriba poñer boa cara. Levaba mal ser e non ser e querer ser e non ser á vez. Levaba mal iso e todo o contrario.

Levábao mal. Nunha bolsa de supermercado.

12 enero 2010

Cinemática

Chega un momento na vida das persoas (ou varios momentos ao longo da vida) nos que existen dúas opcions. Unha, trazar un plan maxistral. A segunda, non trazar ningún plan e lanzarse aos brazos da dinámica e a cinemática. Ou, o que é o mesmo, facer algo. Sexa o que sexa, leve a onde leve.

11 enero 2010

Contigo

Vivo confuso. Non sei se veño, ou se vou. Nin cara onde me dirixo. E, ben mirado, non me importa. Deixo caer os días, as noites, busco. Busco algo, non sei que, pero busco. Pérdome en miradas, en palabras, en lugares, en momentos...
Pérdome, pero sei que estou perdido. Estou perdido, e non sei que camiño coller.
O tempo pasa, e cada vez teño menos claro o que fago. Actúo por inercia, desfrutando os poucos momentos nos que sei onde estou, e onde quero estar. Nevou. Sacoume un pouco do meu letargo. Retomei amizades, visitei lugares perdidos. Quero recuperar a vida estresante, un pouco aqui, outro alí; que non teña tempo a facer todo o que quero. Quero lugares, quero música, quero festas, quero conversas, quero bagoas, quero sorrisos, quero rifas...vivir, sentir, sufrir...quero perder o control outra vez. Non saber se veño, ou se vou, pero correr cara adiante. Correr pola praia, tirarme no mar, saltar un cantil, correr polos tellados da cidade. E, na proxima esquina, cruzarme contigo.