Hai quen di que a escritura, ou o feito de escribir é un proceso creativo, que a base de xuntar palabras, de darlle forma, creas un anaco de historia, unha vida, unha sorte.
Eu, no meu habitual mundo de contradicións, recorrín á escritura para contar cousas, non historias. Quizais por eso, o meu labor coas letras sexa puramente destrutivo. Quizais por eso desgrane momentos, anacos, retazos dunha historia, porque sempre fun incapaz de comprender a importancia das pezas dentro do puzzle; son o imbécil que sempre marabillase coas pequenas cousas: ese pequeno fruncir dos beizos, esa mirada ao cruzarse, ou simplemente unha errata nun libro. Divago, e onde outros atoparían marabillosas historias, eu atopo histerias e dramas, por mais que me digo -maldito cabrón- que teño que fixarme nos detalles.
Pode que as relacións sociais non sexan o meu forte, que a vida, complexa, non se constrúa para min, e que tería que conformarme coa vida das amebas ou os paramecios, mais a miña destrución, tanto interna como externa, permíteme recrear esos momentos inexistentes (destruídos) que o racionalismo mundano dos construtores censurou...e imaxinar que sucedería se todos abrísemos a boca para dicir o que, que coño, temos que dicir, amar cando temos que amar, e vivir un pequeno mundo de miradas, bicos, paixóns, dor, medos...entre as paredes do meu manicomio.
Así que sentíndoo moito, seguirei destruíndo historias e diseccionando momentos, facendo que perdan todo interese narrativo, porque ao cabo, é o que me gusta.
E ao que non, que non mire.
1 comentario:
Escribir é máis que un proceso creativo, sen máis. Eu véxoo como un todo, como algo que enche tódolos ocos que rodean ó escritor ou ó lector.
Para min escribir é algo indispensable. Independentemente da calidade, da forma, das palabras. O simple feito de escribir éme máis que necesario.
Por iso creo que podo comprender dalgunha forma o teu concepto de escritura destructiva.
Quizáis non me estou explicando moi ben, pero vaia, a destrucción de historias e a disección de momentos non ten que redundar nunha perda do interese narrativo. E en calquera caso, como ti dis, escribir se escribe para un mesmo.
E se lle gusta ós demáis, pois mira ti qué ben.
Un bico =)
Publicar un comentario