Mostrando entradas con la etiqueta quelledenaomundo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta quelledenaomundo. Mostrar todas las entradas

10 junio 2015

Compostela.

Esta cidade de pedra ten algo que che atrapa. Queda cun anaco de ti como tributo ao tempo que che regala entre as súas rúas. E se tentas fuxir dela, te mata. Estás morto e non o sabes. Vives unha vida baleira, unha vida normal, mentres xuras e perxuras que estás ben, que Santiago mola pra saír de festa e que volverás cando che apeteza.
Pero non é certo. Voltarás se ela quere. E mentres, pasará factura. Cando creas ser feliz, aparecerá da nada, como unha frecha, e te atravesará de lado a lado. Unha lembranza, unha sensación, un instante. Pra recordarche que ti xa non es dono de ti. Que pertences á cidade. Que desfrutar dela ten un prezo, e que a pedra está demasiado viva.
Porque Compostela ten os teus soños, as esperanzas e as alegrías de outros tempos. Porque sempre se reinventa, e sempre te sorprende. Porque se sabes querela, saberá recompensarche.

Non era un adeus. Sabíao ben. E voltei.

05 mayo 2015

O corpo da piscina.

Atoparon o seu corpo na piscina. Ninguén pareceu sorprenderse.
Nin rastro do estupor dos que son atraídos polo imán dos accidentes de tráfico con mortos. Non había sangue, anque ás veces o silencio aseméllese moito. Era un nenúfar de carne flotando, sen rumbo e sen corrente pola que deixarse levar. Coas leis da física e as súas ganas frustradas de relaxarse e de cando en vez, converterse en aleatoriedade. O neno do veciño ao que deixaron contemplar a escea xa que era gratis e non daban nada máis forte na televisión, preguntou por que. Un policía respostou coma sempre quixera respostar, cun breve “porque sí”.

Dúas palabras que eran o informe de todo. Unha explicación pra sempre.

04 septiembre 2011

Contar os mortos.

Un momento no que sentas nun banco á sombra, o pensas ben, moito e forte, e chegas á conclusión de que aqueles aos que chamabas "os meus" e aqueles cos que falabas d'"os nosos" desapareceron.

A escea complétase cun balcón no que alguén escoita unha aria de Wagner a un volume suficientemente alto como pra que podas recoñecela. Sen saber nada de ópera. Por algunha razón sempre tiveches certo aprecio ao Tannhäuser.

Realmente é o que pensas. Que o conseguiches. Perdiches. Nunca houbo posibilidade algunha de que gañaras. Conta os mortos. Os teus. Os de él. Contaos. Un a un.
É un xeito de seguir a vivir.

30 marzo 2011

Eiquí

E noites e noites, e bicos e bicos, risas, penas, festas, bailes, praias, viaxes, mundos, cafés, palabras, cancións, persoas, o devenir do tempo. Xente que ven e que vai, amigos novos, vellos, coñecidos e descoñecidos, lugares que percorrer, bares que visitar, movemento. Futuro.
Coma en stop-motion. Ás veces rápido, ás veces lento.
E sempre a mesma banda sonora.
Se sigues eiquí, eiquí seguirei eu.

01 diciembre 2010

Estabilidades

Anotación mental rápida:
A estabilidade está sobrevalorada. Amósannola dende que somos crios como A GRAN META MAIÚSCULA. Traballo, casa, coche, nenos. A estabilidade está sobrevalorada e nembargantes, edúcannos únicamente pra aspirar a ela. Non somos quen de manexarnos neste mundo cambiante, cheo de relacións endebles cos demáis, co governo e con nos mesmos. Non nos din que todo é unha gran mentira. Que é unha falsa paz entre treboada e treboada.
Por que?

26 noviembre 2010

Eu

Esto que escribo non pode ser máis que eu, palabras que toman forma tras cada pulsación, palabras que caen do máis adentro de min, feas, crudas, sen limar nen decorar. Palabras que rasgan a miña ialma, pra bater nunha pantalla; que me rachan por dentro, con sabor a sangue, a bagoa, a sorriso. Puras, nítidas. As miñas merdas, as miñas teimas, as miñas cousas.
Se sigues aquí, gracias. Se non, o entendo.
Ser eu é agotador coma pra comprender a un ti.

23 julio 2010

Xeonllos

Cun engorroso ton melódico e infantil.

Non teño nin pajolera idea de como tratar ás persoas. E por enriba, estas fan o que queren comigo. Son do máis manexable e que ben, ademáis veño coa vulnerabilidade de regalo. Son o pequeno sobrino da cidade, que cando chega ao pobo, todo o mundo se encarga de que manche os xeonllos.
E a vida pasa. E os paxariños cantan.

09 julio 2010

Boga!

Ao mar doelle algo hoxe. Amosa esa rabia de cor verde grisácea. A mesma que, según contan as lendas, levouse ao mellor mariñeiro do lugar, que saiu a salvar ao seu amigo nunha noite de tempestade, na que nin sequera o faro da illa conseguíu dar luz ao seu escuro sino, nin as redes serviron pra recoller as bágoas que se verteron no porto.
O mar non piedade. Levounos a dar a volta ao mundo por primeira vez. Fíxonos baleeiros. Deunos de comer. Levóuse aos nosos fillos. Nolo ensuciaron de negro. E así, forxamos séculos de historia collidos da man, dende que crímos nas maldicións de Ortzi, ata que hoxe empregamos as zodiacs e balandros, pasando polos que o cruzaron pra facer as Américas ou as traineras que compiten por un chisco de gloria.
É o espello de épica e traxedia no que nos miramos cada día, mentres moi ao lonxe, onde mar e ceo son un, aínda se escoita o berro.
Boga!

16 junio 2010

Destrucción

Hai quen di que a escritura, ou o feito de escribir é un proceso creativo, que a base de xuntar palabras, de darlle forma, creas un anaco de historia, unha vida, unha sorte.
Eu, no meu habitual mundo de contradicións, recorrín á escritura para contar cousas, non historias. Quizais por eso, o meu labor coas letras sexa puramente destrutivo. Quizais por eso desgrane momentos, anacos, retazos dunha historia, porque sempre fun incapaz de comprender a importancia das pezas dentro do puzzle; son o imbécil que sempre marabillase coas pequenas cousas: ese pequeno fruncir dos beizos, esa mirada ao cruzarse, ou simplemente unha errata nun libro. Divago, e onde outros atoparían marabillosas historias, eu atopo histerias e dramas, por mais que me digo -maldito cabrón- que teño que fixarme nos detalles.
Pode que as relacións sociais non sexan o meu forte, que a vida, complexa, non se constrúa para min, e que tería que conformarme coa vida das amebas ou os paramecios, mais a miña destrución, tanto interna como externa, permíteme recrear esos momentos inexistentes (destruídos) que o racionalismo mundano dos construtores censurou...e imaxinar que sucedería se todos abrísemos a boca para dicir o que, que coño, temos que dicir, amar cando temos que amar, e vivir un pequeno mundo de miradas, bicos, paixóns, dor, medos...entre as paredes do meu manicomio.

Así que sentíndoo moito, seguirei destruíndo historias e diseccionando momentos, facendo que perdan todo interese narrativo, porque ao cabo, é o que me gusta.
E ao que non, que non mire.

14 junio 2010

Rosca

Ás veces, cando nos pasamos de rosca, dicimos as cousas máis sinceras. Voltamos ser nenos, con ideas, con soños, con ilusións. Botámolo todo por terra, mandámolo todo á merda, e xuramos non querer velo nunca máis.
Debuxa. Eu escribirei(te). Non te preocupes.

10 mayo 2010

Globo

Hoxe é un deses días nos que vela vida pasar coma un globo que se escapa cara o ceo. Saltas e saltas, pero a corda queda xa fóra do alcance da túa man. Miras arredor e atopas aos outros nenos do parque. Xogando a casiñas. Ou a médicos e enfermeiras. Miras ao ceo e velo teu globo, tua vida e teu ceo desaparecer. Máis alá do sol.

01 mayo 2010

Luxos

Existe una xeración, a que agora cumpre os cincuenta e bastantes, que resulta encantadora: traizoou todo aquilo que crían pero non comprendían, vendeu a ialma a cada demo que se se lle puxo por diante, e o que é millor: permitense o luxo de sermonear respecto ao sexo, o viño e o comportamento socialmente aceptado

09 abril 2010

Cambio

É primavera pero non o é tanto. Incluso hoxe, que saiu o sol, non parece un día soleado. Esta cidade xa non é a mesma, nin recoñezo a aquelos que están ao meu redor. Alguén pedíu que se cambiaran as cousas de sitio.
Fuches ti? Non o comprendo.

04 abril 2010

Patriotismo

Extrano patriotismo ese que agarda á entrada dos recintos. Extrano, o que sinala, o que marca, o que decreta, coma un Deus castigador, quenes entrarán nos ceos e quenes empodrecerán nos infernos. O mundo está desorbitado preso dunha paixón tamén desorbitada.
E o malo é que non é amor. Senon odio irreconciliable.

24 marzo 2010

Infernos

Cinco principios da fin:
Só admito as mentiras da publicidade do Lidl. Os luns e xoves.
Non son de follar e tirar. Pra iso, outros.
A información dame de comer. Toda.
Meu nivel de tolerancia é alto. Pero non son tan gilipollas.
Podo convertir unha vida nun inferno. Se quero.

22 marzo 2010

Mupsicopatía (2)

Conta o conto que o burro soplou a flauta, e conseguiu dar cunha melodía de casualidade. Eu, nin eso. I é estupido pensar que nas horas máis escuras, esas nas que ninguen conta nin se decata nin se recata, alguén comprenderá o leve chirrido que emites.
Confórmate con que lles resulte molesto.

18 marzo 2010

Señais

O mundo -coma o artista alemán que intercede no mobiliario urbán- mándame señais morse e mensaxes en clave como o facía Radio Londres para a resistencia francesa. O malo é que a gran maioría son ordes contradictorias que non logro descifrar. Facer voar unha ponte. Pero reforzar a súa seguridade primeiro. Ás veces persíguenme os dous bandos. Ás veces, uns dinme que me van a fusilar.
Ás veces, os outros din que tamén.
Ten o seu aquel a situación.

16 marzo 2010

Xogada

Aínda sigo nun soño profundo. Hai silencio. Poucas ganas de falar. Fago esforzos sobrehumáns por non aborrecer meus días aínda máis do que os aborrezo. Pero cando chegan días así, éme francamente difícil.
Maldito luns. Xogáchemela outra vez.

15 marzo 2010

Non

Eu non sei voar.
Eu non son quen ti decidas.
Eu non teño nada que ver con eles.
Eu non entendo moitas cousas.
Eu non sei outras tantas.
Eu non teño ganas de falar.
Eu non atopo nunca as palabras correctas.
Eu non son de eiquí.

Eu rompinme a crisma.
Unha vez máis.
Basta!

13 marzo 2010

Desagüe

Estiven sentado durante horas na tapa do WC. A miña vida resultaba coma o azulexo, fea e rota, cuberta de mugre e deixadez. Deixei os ollos e os sentimentos naquel apartamento que compartíramos. Deixei meu tempo e miña xuventude. Todo o bo que houbo en min quedou atrapado naquela habitación, naquela cama, xunto a ti. Decidín marcharme polo desagüe e aparecín neste lugar.
Non falo o idioma.