18 junio 2010

Axenda

Hai que sacudirse a dependencia emocional. Contar ata tres. Dicir, "que te den".
Veña, vai. Túa cotidianidade tamén ten o seu aquel. Anque esté un pelín patas arriba. Doete a mandíbula. Non podes abrir ben a boca. Parece unha metáfora, manda carallo.
Tes a casa feita unha merda. Xa verás cando volten. Cando volten xa terá rematado o zafarrancho de combate limpador. Que facemos hoxe? Día cuberto, risco de choivas, poderías redeseñar o blogue, que é o que levas pensando dende hai un tempo. Dalle un pouco de vida. Non esquezas que es zote niso do deseño. Xa. Raparigo, non sei, é un puñeteiro venres máis, fai o que podas.

17 junio 2010

Medos

O ceo está branco hoxe. Un pouco gris a ratos, un pouco azul ás veces, pero principalmente está branco. Miro ao ceo dende a fiestra do cuarto, lembrándome o medo que teño a voar. Non é un medo incontrolado, se non un medo xordo, sen máis. Un medo deses que afrontas pechando os ollos e os puños, agardando a que pase. Coido que é o mesmo medo que lle collín á vida unha vez, e que a base de sacudidas e cristais rotos, vencín.

16 junio 2010

Destrucción

Hai quen di que a escritura, ou o feito de escribir é un proceso creativo, que a base de xuntar palabras, de darlle forma, creas un anaco de historia, unha vida, unha sorte.
Eu, no meu habitual mundo de contradicións, recorrín á escritura para contar cousas, non historias. Quizais por eso, o meu labor coas letras sexa puramente destrutivo. Quizais por eso desgrane momentos, anacos, retazos dunha historia, porque sempre fun incapaz de comprender a importancia das pezas dentro do puzzle; son o imbécil que sempre marabillase coas pequenas cousas: ese pequeno fruncir dos beizos, esa mirada ao cruzarse, ou simplemente unha errata nun libro. Divago, e onde outros atoparían marabillosas historias, eu atopo histerias e dramas, por mais que me digo -maldito cabrón- que teño que fixarme nos detalles.
Pode que as relacións sociais non sexan o meu forte, que a vida, complexa, non se constrúa para min, e que tería que conformarme coa vida das amebas ou os paramecios, mais a miña destrución, tanto interna como externa, permíteme recrear esos momentos inexistentes (destruídos) que o racionalismo mundano dos construtores censurou...e imaxinar que sucedería se todos abrísemos a boca para dicir o que, que coño, temos que dicir, amar cando temos que amar, e vivir un pequeno mundo de miradas, bicos, paixóns, dor, medos...entre as paredes do meu manicomio.

Así que sentíndoo moito, seguirei destruíndo historias e diseccionando momentos, facendo que perdan todo interese narrativo, porque ao cabo, é o que me gusta.
E ao que non, que non mire.

15 junio 2010

Banda

Nunca foi conscente de ser unha ameaza para ninguén. Salvo para sí mesmo quizáis. Pero esa é outra cuestión. Sempre foi pola vida abandoando amigos por deixadez, pero nunca por enemistade. Sen parpadear en exceso mentres os cabreados oficiais do reino, facían das súas. Bostezando a escondidas, mentres os opinadores oficiais, repetían irreflexións sen interés. Ata que un día de choiva, tropezou pola rua e caeu de costas sobre un charco. De súpeto, tivo ante sí as miradas dos demáis. Os ollos incapaces de disimular a chanza. “Banda de gilipollas”, pensou.

E por primeira vez na súa vida, pensou en voz alta.

14 junio 2010

Rosca

Ás veces, cando nos pasamos de rosca, dicimos as cousas máis sinceras. Voltamos ser nenos, con ideas, con soños, con ilusións. Botámolo todo por terra, mandámolo todo á merda, e xuramos non querer velo nunca máis.
Debuxa. Eu escribirei(te). Non te preocupes.