10 junio 2015

Interesante.

Hai unha maldición china que di que ogallá teñas unha vida interesante.

Coas súas historias, as traxedias, os problemas e as aventuras. Esas cousas que están ben cando lle pasa aos outros. Os obstáculos que superar, as complicacións a última hora, a xente pedindo axuda.
Non saber que pasará ao día seguinte, e que nin sequera importe. Crer.
Loitar cun mesmo, coa túa cabeza, co teu instinto. Rodearte de xente interesante que che quere o suficiente como pra darche o seu apoio.
Sufrir cando hai que sufrir, pra sorrir cando toque sorrir.

Eu quero esa vida. E non penso renunciar a ela.

07 mayo 2015

Impasse.

Se coñecedes algún curso pra aprender a xestionar as tempadas de impasse, avisádeme. Estou realmente interesado en saber coma se manexa iso de non saber por onde tirar ata que se sabe por onde tirar i entón se tira.
Anque sexa ao lixo.
Gracias.

06 mayo 2015

Vintesete.

Esta vez son vintesete. Bonito número, anque levo un ano a gastalo.
E, polo que vin, non aporta nada novo. Os anos son cifras, e nada máis. Non son máis listo, nin máis guapo, nin máis nada que cando comecei este espacio.
O que si teño son máis cicatrices. Máis erros. Anécdotas. Aventuras. Viaxes.
Supoño que a iso se refiren con aquilo da experiencia; pero non vos equivoquedes, errarei de novo.
E ás veces, adrede.

05 mayo 2015

O corpo da piscina.

Atoparon o seu corpo na piscina. Ninguén pareceu sorprenderse.
Nin rastro do estupor dos que son atraídos polo imán dos accidentes de tráfico con mortos. Non había sangue, anque ás veces o silencio aseméllese moito. Era un nenúfar de carne flotando, sen rumbo e sen corrente pola que deixarse levar. Coas leis da física e as súas ganas frustradas de relaxarse e de cando en vez, converterse en aleatoriedade. O neno do veciño ao que deixaron contemplar a escea xa que era gratis e non daban nada máis forte na televisión, preguntou por que. Un policía respostou coma sempre quixera respostar, cun breve “porque sí”.

Dúas palabras que eran o informe de todo. Unha explicación pra sempre.

28 mayo 2013

Ámbar

Hai momentos en verde. Momentos en vermello. Momentos en ámbar. Momentos de parpadeo intermitente. De espera e incertidume. De "e agora que". Hai moitos momentos que non podes chegar a comprender. Momentos que non suceden, pero que non por iso deixan de ser momentos. Non deixan de ser. Non deixan de estar ahí. Non nos pasan pero vivímolos.
Son esos momentos nos que tanto nos custa arrancar.